top of page

Intervención radiofónica durante o mes de Maio

Unha paisaxe sonora consiste en eventos escoitados e non en obxectos ollados


R. Murray Schafer.


Desde Terra Creativa e grazas á colaboración do artista sonoro Xoan-Xil López imos explorando desde aproximacións tan aparentemente sinxelas como profundas esta máxima de Schafer empregando o Monte Cambeiro como o noso campo de probas.


Tamén dicía Shafer:


“Ningún son na natureza se fixo tan afectuosamente á imaxinación humana como as vocalizacións dos paxaros. En probas realizadas en moitos países, pedímoslle aos escoitantes que identificaran os sons máis agradables do seu entorno; o canto dos paxaros aparece repetidamente no tope da lista.”


Así, atendendo a unha proposta de Xoan, o 14 de abril convocábamos á veciñanza a participar na acción “Chíos ao mencer”, unha escoita de paxaros colectiva no Monte Cambeiro guiada pola bióloga Elia Pérez, o ornitólogo Damian Román Cousido e o propio artista Xoan-Xil López.


Entón xa comentáramos que o primeiro domingo de maio desde o ano 1987 celébrase todos os anos a nivel internacional “O coro do amanecer” onde unha gran cantidade de amantes dos paxaros xúntanse en distintas partes do planeta para experimentar esta sinfonía da natureza.


Dando continuidade ás propostas que nos abren a porta á experimentación da paisaxe sonora e fiando coa vivencia de “Chíos ao mencer”, Xoan-Xil López propóñenos esta vez unha intervención radiofónica na emisión diaria de Radio Neria, acción que dará comezo coincidindo coa celebración mundial do coro do amanecer.


A través da canle do Rego dos Sapos e dentro dos seus programas especiais, comezando o domingo 5 de maio e ata ás 7.30 am sintoniza a frecuencia 107.8 e comparte a experiencia.





bottom of page